Festivais e celebracións



Entroido

A comparsa Os Parrandolos naceu no ano 1983 da man dun grupo de socios e socias de Areosa para participar no Entroido do Concello de Narón. Dende esa data non faltou ningún ano á súa cita co Entroido, sendo na actualidade a comparsa máis antiga de Narón e a súa bisbarra. Formada por xente de todas as idades, segue a traballar cada ano para sorprender aos veciños e veciñas de Narón con traxes e cantigas orxinais, que a fixeron merecedora ao longo destes anos de numerosos premios.

Desfilando pola Estrada de Castela no Entroido 2010

O ENTERRO DO MOMO pecha os actos do Entroido en Piñeiros, cunha celebración tradicional galega moi arraigada nos pobos e vilas do noso país e recuperada no Concello de Narón pola Sociedade Cultural Areosa. Cada ano participan ademais dos Parrandolos algunha/s comparsa/s convidada/s de dentro e fóra do noso concello.

Enterro do Momo 2008


CERTAME DE HABANERAS DE NARÓN

 O Certame de Habaneras de Narón xorde como unha nova actividade dentro do programa de actos do 25 Aniversario de Areosa, consolidándose como unha cita de referencia dentro do programa cultural de Narón. Celébrase cada ano no Auditorio Municipal coa colaboración do Padroado da Cultura do Concello de Narón. Nas primeiras edicións tiña lugar a 1ª ou 2ª fin de semana de xullo, ata que nos últimos anos se decidiu cambiar a data para a primavera, pasando a celebrarse en abril. Por este certame teñen pasado ata o de agora masas corais chegadas de todos os puntos de Galicia, Asturias, Euskadi e Portugal.



MARATÓN DE LECTURA 

Entorno ao Día do Libro, a nosa entidade organiza un Maratón de Lectura que cada ano serve de punto de encontro entorno aos libros de xente de diversa procedencia: política, cultura, movemento veciñal, amigos/as e socios/as de Areosa, cun obxectivo común: fomentar o hábito de lectura entre as xentes de todas as idades.

O Alcalde de Narón inaugurando o Maratón de Lectura 2012


FESTA DOS MAIOS

A comezos do mes de Maio ten lugar en Narón unha das tradicións recuperadas pola Sociedade Cultural Areosa das que nos sentimos máis fachendosos, OS MAIOS. Esta celebración tradicional da chegada da primavera tiña practicamente desaparecido nesta bisbarra ata que Areosa a recuperou en Narón hai máis de 30 anos. Nos comezos tratábase dunha pequena festa, cun ou dous maios, na Parroquia de Piñeiros. Hai 15 anos o Concello de Narón dentro do programa de recuperación das tradicións galegas interesouse por esta celebración facendoa propia xunto coa nosa entidade. Dende ese momento Os Maios convertéronse nunha festa de Narón, mudando varias veces de ubicacn ata voltar nos últimos anos a ter o seu centro de celebración en Piñeiros.
 Maios chegados de diferentes puntos de Narón, grupos de baile e gaitas do Padroado da Cultura e numeroso público acompañan a comitiva dos Maios dende o adro da Igrexa de Piñeiros ata o local social. Alí ten lugar a exposión de traballos feitos polos nenos e nenas dos colexios de Narón así como polos/as participantes do Curso de Arte Floral. Baile tradicional, gaitas e unha gran chocolatada fan o fin de festa desta celebración.

Concentración dos Maios no adro da Igrexa de Piñeiros, ano 2012

                                           
LETRAS GALEGAS 

Quizais a celebración máis importante para Areosa ten lugar entorno ao 17 de maio. Durante varios días o Local Social énchese de vida con actuacións de música tradicional, corais, teatro etc... Exposicións de traballos manuais (bolillos, coiro etc...) así como de antigüidades ou alusivas á celebración das Letras Galegas completan o abano de actividades destes días tan especiais para o noso país. 
No primeiro día ofrecemos aos asistentes unha chocolatada e para o fin de festa facemos una Gran Queimeda coa que brindamos pola nosa lingua.
Os nenos e nenas que colaboran durante o ano coa Sociedade reciben nestas datas o agasallo dun libro en galego, como unha maneira máis de fomentar o hábito da lectura na nosa lingua.
 
              Actuación das Cantareiras da Fundación Terra de Trasancos e do Grupo de Gaitas do Padroado da Cultura. Ano 2012


MAGOSTO

A gran festa do outono no noso país no podía faltar entre as celebracións da nosa asociación. Cada ano Areosa ofrece a todos os veciños e veciñas de Piñeirios unha degustación de castañas asadas (no lume por suposto), liscos, viño e leite, todo de balde, e amenizado por diversas actuacións musicais entre as que non pode faltar a música tradicional.
Magosto 2012
                                                  
 CONCERTO DE SANTA ICÍA

Cada ano, entorno ao  Día da Padroa da Música, a nosa coral ofrece un concerto na Residencia de Anciáns San Xosé de Piñeiros. Con este acto non só celebramos o día da música senón que queremos facer pasar unha tarde agradable aos residentes do centro.



FESTIVAL DE PANXOLIÑAS

Chega o Nadal, e Areosa despide o ano co tradicional Festival de Panxoliñas que en cada edición trae ata a Igrexa Parroquial de Piñeiros a corais chegadas de toda Galicia que acompañan á nosa coral nun concerto que serve para compartir unha tarde de música propia destas datas, así como para felicitar as festas o Aninovo a todos os veciños e veciñas de Narón. 
Festival de Panxoliñas 2011