Coral Areosa

                                                 



CURRICULUM


A Coral da Sociedade Cultural Areosa nace no ano 1985, como consecuencia da creación de distintas comparsas para participar no antroido do Concello de Narón. A partir desta data Xosé Agulló dirixe a coral ata o ano 1992. Posteriormente encargarase da dirección o mestre Xosé Manuel Gabía ata o ano 2003, e de aí en diante Serxio Bernal Fuster ata novembro de 2013.

A coral consta de 35 voces mixtas. As súas actuacións teñen lugar en todo tipo de actos culturais e litúrxicos ó longo de toda Galicia, así como noutras autonomías e no veciño Portugal. Entre as actuacións realizadas ata agora cabe destacar a súa colaboración coa Xove Banda de Narón no Concerto de Nadal do ano 1995, no auditorio deste concello. Así mesmo participou nun acto cultural na localidade de Derio, Bilbao. No ano 1999 participa tamén no II Certame de Habaneras de Portonovo, e de 2001 a 2010 participa no Festival de Panxoliñas de Caixanova en Vigo e na Coruña. No curso 2002-03 levou a cabo unha colaboración coa Banda Cultural de Ortigueira facendo varios concertos coa mesma. Dende o ano 2004 actúa como anfitriona no Certame de Habaneras de Narón organizado pola entidade á que pertence.

En 2006 participa no Festival da Sidra e o Mar no concello asturiano de Sariego, e no 2007 caben destacar as súas actuación no Concerto de Verán en mondariz organizado polo Orfeón Condado de Paradanta así como no Festival de Habaneras e Boleros de Nigrán.

En maio do 2008 renova os seus lazos co Coro Ipar Alde de Derio, ofrecendo un concerto nesta localidade biscaíña, e no mes de novembro participa no festival de aniversario do Orfeao de Recardaes, en Águeda, Portugal. No ano 2009 realizou varias saídas entre as que destacan a actuación no Encontro de Corais Villa de Boal, en Asturias, o Festival de Corais da Fundación de Lord, en Oporto, Portugal, e o Encontro de Corais de Quiroga, na montaña lucense. En maio de 2010 visita o pobo asturiano de Langreo para participar no seu encontro coral. En xaneiro de 2011 realiza un concerto na Igrexa de San Xoan Bautista de Vitoria- Gazteiz e en novembro visita a localidade asturiana de Cudillero para participar no seu festival de habaneras. En  outono de 2013 realizou unha actuación Arriondas, no oriente asturiano e en setembro de 2014 participa nun Festival en Villaviciosa (Asturias). En maio de 2015 participa no Encontro Internacional de Corais de Sanguedo, Santa María de Feira, Portugal



O seu director actual é o mestre Francisco Javier Sancho Ribero.